registro usuarios

redes sociales 2

FacebookGoogle BookmarksRSS Feed

Simple Responsive Menu

clima en la coruña

El tiempo - Tutiempo.net

fases lunares

 

calendario

Febrero 2018
4LMMJVSD
051234
06567891011
0712131415161718
0819202122232425
09262728

reloj

Alternative flash content

Requirements

Get Adobe Flash player

noticias recientes

enlaces a webs amigas

logo miguel pesca

 

surfcasting

 

logo cabecera


Breadcrumbs

contador de visitas

11529
hoyhoy109
ayerayer366
esta semanaesta semana1988
este meseste mes9450
totalestotales11529

quien esta conectado

Hay 236 invitados y ningún miembro en línea

PREGÓN da XXXIV FESTA DA TROITA Miguel Piñeiro A PONTENOVA 30 de abril de 2012

Submit to FacebookSubmit to Google PlusSubmit to Twitter
Print Friendly, PDF & Email

PREGÓN da XXXIV FESTA DA TROITA MIGUEL PIÑEIRO A PONTENOVA 30 de abril de 2012

                               E IMPOSICION DA TROITA DE OURO

Sr. Alcalde, Sr. Presidente do Centro de Iniciativas Turísticas, Autoridades, Señoras, Señores, queridos troiteiros; boas tardes.

Suceder, no cometido de pregoar a Festa da Troita, ao meu entrañable amigo e compañeiro de pesca Pepe Casal é todo un luxo e unha responsabilidade, porque Pepe é un dos pescadores e dos xestores de pesca que máis saben desto en Galicia, pero recibida a chamada do Centro de Iniciativas Turísticas para pedir a miña colaboración, enchéuseme o peito de orgullo e o corazón de gratitude por reparardes neste humilde compoñedor de palabras para o cometido que nos ocupa.

A Festa da Troita da Pontenova é, sen ningún xénero de dúbidas, e que me perdoen en Pontecaldelas, a exaltación troiteira máis importante de Galicia. A Festa da Troita é un selo de autenticidade, un garante para esta vila e unha referencia para os troiteiros de toda Galicia.

Dende o a primeira edición, en 1.978, foi atesourando un rango de seu ata ser declarada Competición de Interese Deportivo Nacional pola Asemblea da Federación Nacional de Pesca e, en 1.999, Festa de Interese Turístico.

Certamente, gañar o Concurso do Salmón do Ulla, como fixen hai tres anos, é unha das maiores glorias de pesca que se poden acadar en Galicia, pero tamén debo dicir que pregoar a Festa da Troita da Pontenova éncheme de orgullo troiteiro agora que xas sobrepasei os cincuenta.

Por iso, e porque a idade e o paso dos anos van marcando a túa vida, veño á Pontenova enchido de cultura ribereña. Veño a unha terra marcada polas augas do Eo e o Rodil, fonte de saúde e verxel natural que marcan o ritmo a cotío nesta comarca e foron guieiro de todo un tempo pasado esplendoroso.

Desde a Serra do Miradoiro, a máis de mil metros de altitude, aos regos que se unen en Fonteo, van as augas do Eo collendo corpo para que logo do seu paso pola Vila, cheguen mansamente ao Espazo Natural Protexido que é o esteiro no Cantábrico.

Nestes case 80 km de trazado sinuoso, marcando a fronteira natural entre Galicia e Asturias, o Eo atravesa o corazón vital desta Vila á que lle dá carácter.

O río é fonte de saúde. O Eo é a arteria principal e motor desta comarca. A cultura da pesca ten senlleiros alicerces nestas terras.

O Eo e o salmón, por nome e tradición, acaparan todo o interese e, ás veces, deixan en segundo plano a un todo un señor río, con todos os garantes, como é o magnífico Rodil, extraordinario para unha culleriña á besta ou para unha mosca bailando no Chao do Pousadoiro, na Ribeira de Piquín.

Cando pesquei por primeira vez en Vilarmide, acertei a saber das posibilidades dun tramo alto, o que se chama un río de montaña, onde as troitas están resabidas, onde un anzol do 0,12 te afasta do fracaso do 0,16. Aquela primeira vez pescara cando as pintonas receosas polas frías augas do inicio de temporada piden mosca nazarena, cardeal, falanxista, marrón tabaco, e por suposto a efectividade de todo tipo de montaxes en negro.

Estaba afeito a pescar no meu Ulla, un mar cheo de ríos onde te podes permitir lanzar sen miramentos, e cheguei a Vilarmide, onde pescar cun sedal superior ao 0,14 é toda unha temeridade sobre todo en anos coma este no que a seca marca o xeito de pescar.

O meu lembrado amigo Rafael del Pozo estaba namorado das augas desta terra. El estaba afeito a facer programas sobre barbos e carpas, pero cando viña a Galicia tiña troitas, reos e salmóns.

A cultura salmoneira de Galicia, con permiso da Estrada, ten un referente na Pontenova. O Eo, autorizado polo Pai Miño e o meu Ulla, segue sendo un punto de encontro para milleiros de pescadores que buscan o rei do río nuns coutos deseñados pola nai natureza para esparexemento dos humanos.

Hai agora un ano, na Feira do Salmón de Cornellana, comentáballe ao meu amigo Juan Delibes que Galicia tiña que ser obxectivo directo de moitos máis documentais de televisión porque seguimos estando moi afastados de Madrid. En efecto, un documental gravado no Eo non debe diferir moito en beleza a outro realizado en Alaska ou Islandia.

Os Lotes da Pontenova, en especial o 2 e o 3,  cos pozos de Pena de Vides, Penouta, Caramocho e Fernando gañaron moitas “muescas” de agradecemento nos mangos de moitas canas galegas e foráneas, e seguen sendo unha luxuria salmoneira para as canas máis selectas e, a pesar dos problemas dos últimos anos e da baixada en capturas, A Pontenova segue marcando o paso salmoneiro dun río que compartimos co Principado.

O meu amigo Demetrio Louzao moito me ten falado do Eo. Eu sempre pensei que este home en vez de sangue nas veas tiña auga do río. Moito lle quere ao Eo, tanto, que sempre argumenta o que noutros lugares é lenda ribeireña pero que na Pontenova foi realidade: que os mineiros -cando as minas estaban en plena explotación- esixían aos hoteis onde se hospedaban que só lles serviran salmón unha ou dúas veces á semana como máximo.

E se a troita ten protagonistas, o salmón non é menos. Que me dicides do meu amigo Ramón Castro, Mundito, pescador que no tempo de veda está na consulta...

Foi Mundito un privilexiado que puido establecer na Pontenova a súa vida para estar máis preto do Eo e dos salmóns.

En efecto, A Pontenova ten algo especial. Lembro perfectamente a primeira vez que vin aquí, hai 21 anos, e desde aquela veño regularmente tres ou catro veces cada ano en función do resultado obtido no sorteo dos permisos. Incluso, o meu amigo o prestixioso xornalista Alberto Torres ten instaurada a Semana Memuera no Eo como cita obrigada cada ano.

Queridos pescadores, festeiros e romeiros, vou concluíndo.

Debo facer mención á gastronomía. Non é a troita un prato que destaque de seu. O seu  sabor debe ser potenciado con touciño ou xamón. Xa dicía Álvaro Cunqueiro en A Cociña Galega que as troitas grandes no son as máis saborosas limitando unha talla que hoxe sería ilegal, día que “unha troita de dez centímetros está moi ben“.
Non serei eu quen aconselle medidas de troitas, so debo indicar que unha troita de cando en vez senta ben e que unha troitada ao ano sempre é sinónimo de harmonía e parladoiro.
Por último. Un pobo nunca debe esquecer as súas orixes e debe premiar a aqueles que se teñan distinguido en acelerar o proceso de evolución a través dos anos.
O traballo desenvolvido polo Centro de Iniciativas Turísticas da Pontenova, con Conchita García con máis de vinte anos de dedicación, posteriormente con María Ángeles Yáñez, e na actualidade con Francisco Javier Rois, Taracho, deben ser agasallados co agradecemento dun pobo e dunha Vila que sabe recoñecer o labor ben feito.
Ten a Festa da Troita da Pontenova motivos sobrados para que esteades orgullosos dela. E un pobo que se respecta debe facer os honores a aqueles que se teñan destacado na posta en marcha de iniciativas que redunden en beneficio da propia Vila. Por iso quixera ter unha lembranza emocionada para o meu amigo Enrique Fernández, un dos grandes impulsores deste evento.

O pregoeiro do ano pasado, Pepe Casal, facía fincapé nos problemas que ten a pintona no mundo actual coa man do home como brazo executor de circunstancias que condicionan á troitas e ríos. Eu quero ser máis positivo e pensar que a Directiva Marco da Auga, da Unión Europea, sexa quen de obrigarnos a ter limpos ríos e rías conseguindo que o futuro que nos agarda pase por troitas, reos e salmóns a fartar.
Hoxe, desde aquí, o paraninfo troiteiro do interior da Mariña Oriental, para que me escoiten os veciños de Bogo, Conforto, A Pontenova, San Xoan de Rececende e Santo Estevo, Vilaboa, Vilameá, Vilaodriz, Vilaouruz, Vilarmide e Xudán, ata Vegadeo, á Costa da Morte, ás Rías Baixas, á cidade das Burgas e a outros puntos deste País, berremos que A Pontenova está de festa.
Comamos, bebamos e bailemos con moderación pero coa forza daqueles que se senten orgullosos de seren felices na Pontenova.
Feliz Festa da Troita.

Sin_ttulo-1Sin_ttulo-2Sin_ttulo-3



You have no rights to post comments